martes, 30 de xuño de 2020

FELICES VACACIÓNS


Apreciados amigos e amigas de FEAE Galicia

O seísmo que supuso a aparición súbita e inesperada da pandemia trouxo cambios nas nosas vidas a nivel persoal, social e profesional. Esperamos que como sociedade saibamos comprender a necesidade de efectuar os cambios que nos permitan afrontar o futuro con mellores perspectivas.

Como sabedes, a consecuencia desta situación tivemos que suspender todas as actividades presenciais que tiñamos programadas en FEAE: os work-cafés, a cea de fin de curso, o segundo encontro transcantábrico e o encontro iberoamericano de Lisboa. Estes dous últimos quedan aprazados ao 2021.

Pero queremos ser optimistas e pensar que no curso 2020-21 poderemos retomar as nosas actividades e volver a ter a oportunidade de vernos e compartir experiencias.

 

Para empezar o curso, o día 11 de setembro, venres, celebraremos unha mesa redonda con participación de representantes de ENCIGA, AGAPEMA, Nova Escola Galega, Asociación de directores de Secundaria e Federación de equipos directivos de primaria.

Teremos ocasión de coñecer a finalidade destas asociacións e escoitar as súas propostas sobre as consecuencias que a nivel educativo deberíamos extraer desta situación que acabamos de vivir.

Previa a esa mesa redonda aproveitaremos para facer a Asamblea Xeral de socios de FEAE, onde se expondrá a programación de actividades para o vindeiro curso e procederemos ao relevo na Presidencia da nosa asociación. A proposta é que pase a ocupar a Presidencia Susana Vázquez, actual vicepresidenta.

 

Esperando poder saudarnos ese día aproveito para desexar a todos unhas felices e merecidas vacacións.

 

Un cordial saúdo