martes, 30 de xuño de 2020
FELICES VACACIÓNS
xuño 30, 2020
Apreciados amigos e amigas de FEAE Galicia
O seísmo que supuso a aparición súbita e inesperada da
pandemia trouxo cambios nas nosas vidas a nivel persoal, social e profesional.
Esperamos que como sociedade saibamos comprender a necesidade de efectuar os cambios
que nos permitan afrontar o futuro con mellores perspectivas.
Como sabedes, a consecuencia desta situación tivemos que
suspender todas as actividades presenciais que tiñamos programadas en FEAE: os
work-cafés, a cea de fin de curso, o segundo encontro transcantábrico e o
encontro iberoamericano de Lisboa. Estes dous últimos quedan aprazados ao 2021.
Pero queremos ser optimistas e pensar que no curso 2020-21
poderemos retomar as nosas actividades e volver a ter a oportunidade de vernos
e compartir experiencias.
Para empezar o curso, o día 11 de setembro, venres,
celebraremos unha mesa redonda con participación de representantes de ENCIGA,
AGAPEMA, Nova Escola Galega, Asociación de directores de Secundaria e
Federación de equipos directivos de primaria.
Teremos ocasión de coñecer a finalidade destas asociacións e
escoitar as súas propostas sobre as consecuencias que a nivel educativo
deberíamos extraer desta situación que acabamos de vivir.
Previa a esa mesa redonda aproveitaremos para facer a
Asamblea Xeral de socios de FEAE, onde se expondrá a programación de
actividades para o vindeiro curso e procederemos ao relevo na Presidencia da
nosa asociación. A proposta é que pase a ocupar a Presidencia Susana Vázquez,
actual vicepresidenta.
Esperando poder saudarnos ese día aproveito para desexar a
todos unhas felices e merecidas vacacións.
Un cordial saúdo